Ola lector ,  benvido  |  entra  |  rexístrate agora  |  Axuda?

O MpDC manifesta a súa indignación perante as reiteradas e arrogantes violacións de dereitos fundamentais por parte da SGAE

Written By Virgulino on 9/12/08 | 14:31

Nestes últimos días coñecemos a nova da multa imposta pola Axencia Española de Protección de Datos á SGAE, por gravar unha voda sen autorización. O Movemento polos Dereitos Civís acolleu con satisfacción esta sanción, dada a gravidade das lesións dos dereitos á intimidade e á propia imaxe. Sen embargo, preocupa e moito a reacción da Sociedade Xeral de Autores perante a sanción: os seus responsables restáronlle “relevancia” ós feitos e anunciaron con toda tranquilidade a súa vontade de reincidir neste comportamento ilegal. De feito, a SGAE, multada tamén nestes días por outra violación da Lei de Protección de Datos, presentou unha nova demanda valéndose da mesma práctica ilegal sancionada pola AEPD. O Movemento polos Dereitos Civís manifesta a súa indignación de fronte á lixeirezaa coa que a SGAE atenta reiteradamente contra os dereitos fundamentais das persoas para defender a propiedade intelectual dos seus asociados.

A Axencia Española de Protección de Datos sancionou cunha multa de 60.000 euros á SGAE por introducirse nun banquete de vodas e realizar gravacións sen permiso, coa intención de comprobar se o local utilizaba música dos seus afiliados sen pagar o canon. A AEPD considera que a SGAE cometeu unha infracción moi grave, incorrendo nunha clara violación do dereito constitucional á intimidade e á propia imaxe, pois en ningún momento contaron coa aprobación das persoas que estaban sendo gravadas. A SGAE non puido utilizar as gravacións no xuízo contra o local, mais obtivo aínda así máis de 40.000 euros en concepto de canón musical non pagado.

Nestes mesmos días a AEPD ditou outra resolución pola que sanciona de novo á SGAE, neste caso con 6000 euros , e de novo por unha infracción da Lei de Protección de Datos. Fai xa dous anos que varios socios denunciaran a este organismo por facer públicos, a través da web Portal Latino, datos persoais suxeitos á protección da LOPD. Nomes, números de teléfono e outros datos persoais, que a SGAE tiña a obrigación de custodiar en secreto, apareceron nun coñecido programa informático de intercambio de arquivos. A AEPD xustifica a sanción no feito de que “queda acreditado que por parte de Portal Latino, responsable da custodia dos datos, vulnerouse o deber de segredo garantido na lei ao posibilitar o acceso non restrinxido a datos persoais sen consentimento dos seus titulares”.

De calquera xeito, o máis grave para o Movemento polos Dereitos Civís non é tanto que as diversas sancións denote un reiterado incumprimento por parte da SGAE dunha Lei que protexe dereitos fundamentais. O verdadeiramente escandaloso son as declaracións dos responsables do organismo, nas que anuncian a súa vontade reincidir nestes comportamentos, a pesar de seren conscientes da ilegalidade dos mesmos.

"Levamos lustros facéndoo e volveremos facelo. Non creo que teña especial relevancia. Nas sociedades de xestión (e non só na nosa) adóitase traballar así”. Estas foron as declaracións que realizou o director de Relacións Institucionais da SGAE ó coñecer a sanción. De feito, a SGAE ven de ser denunciada novamente por gravar imaxes dunha voda no interior dun local e sen permiso dos interesados, imaxes que intentará utilizar nun novo xuízo no que reclama o pago do canon. O Movemento polos Dereitos Civís fica sorprendido e indignado perante semellante desprezo dos dereitos fundamentais das persoas, e manifesta o seu apoio a AEPD, á Asociación para la Protección de Datos de los Consumidores, que denunciou estes últimos feitos, e a todos os afectados. Sen dúbida, a SGAE debería reflexionar sobre a perda de lexitimidade pública que supoñen estas continuas violacións de dereitos fundamentais para a súa defensa dos dereitos intelectuais dos seus asociados.

0 comentarios:

Publicar un comentario